Os Trazos distintivos do Xogo Popular e Tradicional
- O xogo popular e tradicional está plenamente integrado no contorno, tanto no que fai referencia a espazos ou medios como, particularmente, ao xoguete, cando este fai falta para que o xogo teña lugar, pois o xoguete non é nin máis nin menos que un material presente no contorno transformado para ser útil na actividade lúdica.
- Posúe regras e condicións cambiantes, precisamente por esa necesidade de se adaptar ao medio e ás circunstancias concretas nas que vai ser practicado.
- O feito de carecer de regras fixas e de que estea plenamente integrado no medio, provoca que o xogo popular poida ser re-creado constantemente, aparecendo continuamente novas variantes de determinado xogo. Igualmente, o medio provoca que de continuo sexa factible crear novos xogos a partir das novas circunstancias concretas que se van sucedendo.
- O xogo popular non é só xogo. Cando un xogo popular é realizado importa tanto todo o que o rodea como o xogo en si. Desde a propia elección do xogador que panda -cando isto é preciso- como as actitudes dos xogadores, as súas reaccións ou a linguaxe utilizada, todo forma parte da propia escenificación do xogo, e é imprescindible ter isto en conta para analizar o propio xogo. Esta constatación leva a algún autores a manifestar que non é posible fixar por escrito os xogos populares, porque os xogos populares hai que velos para comprendelos realmente.
- O xogo popular infantil está intimamente ligado ás actividades dos adultos, aínda que non só. Os xogos populares de nenos e nenas son, na súa esencia, imitacións do traballo adulto.
- Nacido no seo dunha sociedade que precisaba actividades lúdicas para todos os seus membros, o xogo popular existe para todas as idades, desde o bebé acabado de nacer -os primeiros axóuxeres, por exemplo- ata o membro de maior idade –xogos-deportes tales como a petanca ou os birlos, por exemplo-.
- A principal función do xogo popular é procurar a enculturación dos individuos novos da sociedade. Tanto é así que a algúns autores só lles interesa o xogo popular desde esta perspectiva. Este sería o verdadeiro sentido do xogo popular.
- O xogo popular, cando lle cómpre, sérvese de xoguetes elaborados artesanalmente polo neno ou polo adulto que o acompaña a partir dos materiais que ofrece o medio. Na construción de enredos populares pode identificarse un adestramento de habilidades necesarias desde un punto de vista educativo.
- O xogo popular supón a interrelación constante entre neno e natureza, integrándose aquel nesta, como un verdadeiro elemento máis da propia natureza.
- O elenco de xogos populares sucédese ao longo do ano, nas distintas estacións, precisamente porque en cada unha delas a natureza, e o medio en xeral, pon a disposición de nenos e adultos elementos distintos, independentemente doutro tipo de implicacións.